Galicia
ten máis de 2.800.000 habitantes. O territorio xeográfico da lingua
galega está delimitada pola Comunidade Autónoma galega e as áreas
máis occidentais de Asturias, León e Zamora, ademais de tres
pequenos lugares de Extremadura. A distribución do galego é
xeograficamente homoxénea, sen que existan áreas territoriais nas
que non se constate o seu uso.
Status
legal
O
estatuto de autonomía de Galicia aprobado en 1981, recoñece o
galego como lingua propia de Galicia e cooficial da comunidade, que
“todos teñen o dereito de a coñecer e usar” e, ao mesmo tempo,
responsabiliza os poderes públicos da normalización do galego en
todos os ámbitos. A Lei de normalización lingüística, aprobada
por unanimidade o 15 de xuño de 1983 no Parlamento de Galicia,
garante e ordena os dereitos lingüísticos dos cidadáns,
especialmente os referidos aos ámbitos da Administración, a
educación e os medios de comunicación.
Tras
a promulgación da lei, aprobáronse diferentes, ordes e decretos,
que complementan o marco legal e aseguran a recuperación do galego
na Administración local, xudicial e militarEste marco lexislativo
ofrece a posibilidade de comunicarse en lingua galega coas diferentes
administracións que actúan en Galicia e recoñece os topónimos
galegos como única forma oficial. Ademais, en virtude da Lei de
normalización lingüística, a Administración local e a autonómica
están obrigadas a escribir todos os seus documentos oficiais en
galego; está establecida a presenza do galego en todo o sistema
educativo e garántese a promoción lingüística nos países con
comunidades galegas emigrantes e nas áreas limítrofes con Galicia
nas que se fala o galego.
Durante
os máis de vinte anos de aplicación da Lei de normalización
lingüística producíronse avances decisivos no proceso de
normalización da lingua. O coñecemento do galego esíxese para o
acceso a un posto de traballo na Administración pública, segundo se
establece na Lei de función pública; igualmente, mellorouse o seu
status coa aprobación, en 1997, da Lei de réxime local e doutras
leis sobre os dereitos lingüísticos dos consumidores, a etiquetaxe
de produtos, etc., se ben a súa igualdade xurídica co castelán
aínda non é plena.
Orixes
e breve historia
A
lingua galega –o galego– pertence á familia das linguas
románicas –coma o francés ou o catalán– e é o resultado da
evolución do latín introducido polos romanos no noroeste da
Península Ibérica. Desde o século IX, a lingua falada nesta área
era tan diferente que podemos considerar a existencia de dúas
linguas: o latín e o galego. O documento literario máis antigo que
coñecemos actualmente é a cantiga satírica “Ora faz ost’o
senhor de Navarra", escrita a fins do século XII por Joam
Soares de Pavia. Este foi o período máis brillante da literatura
galega. O galego chegou a ser a lingua da poesía lírica en toda a
península. Fálase de poesía lírica galego-portuguesa, porque ata
mediados do século XIV formaron un mesmo tronco lingüístico.
A
fins do Medievo, a lingua e a literatura galegas entraron nun período
de decadencia provocado fundamentalmente por un contexto
sociopolítico dominado por unha clase mandataria foránea e allea
aos intereses culturais e identitarios de Galicia. Malia a
pervivencia da lingua no ámbito do privado e dos contextos de
comunicación informal, o galego estivo ausente dos usos escritos
durante un longo período de tres séculos –XVI, XVIII e XVIII–
chamados Séculos Escuros.No século XVIII houbo voces que, influenciadas polos ideais ilustrados, mostraron a súa preocupación polo subdesenvolvemento do galego e ofreceron novas achegas aos ámbitos económico, social e cultural.
Rexurdimento é o nome do noso movemento de renovación cultural, que tivo lugar ao longo do século XIX. Cantares Gallegos, a primeira obra escrita totalmente en lingua galega, publicada en 1863 por Rosalía de Castro, inaugurou o Rexurdimento pleno. A primeira gramática e dicionario galegos, esenciais para a súa estandarización, apareceron tamén no século XIX.
A consolidación do galego non tivo lugar ata o século XX. A recuperación do galego como lingua histórica, cultural e literaria confirmouse cara a finais do século XX, coa consecución do seu status de lingua oficial xunto co castelán en Galicia, a fixación dunha norma ortográfica e morfolóxica, a súa introdución no ámbito escolar, etc. É a lingua dos medios de comunicación públicos de Galicia e actualmente ten presenza cotiá nos espazos comerciais e de ocio. Así e todo, na actualidade afronta tamén dificultades, fundamentalmente no ámbito empresarial e mesmo nos contextos familiares das principais urbes galegas, nas que está a aumentar a presenza do castelán como lingua principal dos fogares.
MARÍA VICTORIA
No hay comentarios:
Publicar un comentario